Velhos (II). Sinha Rosa
Sinha Rosa sempre foi para min esa velhinha que se sentaba a mirar a gente pasar, na porta da súa casa, no medio do pobo, na Ilha. Era umha velha gordinha, menuda, de pelo branquísimo e face rosa, como o seu nome. Soía vestir camisas claras, e umha saia gris cum delantal de cuadros por enriba. Num pobo en que todas as velhas visten de negro, era umha rareza. Tinha um sorriso amplo como só o tenhen os velhos sem dentes, e umha mirada limpa e agradecida. Cós olhos azúis tan claros seguía á gente, e sorría ós que se paraban a falar com ela, que, na Ilha, eran casi todos.
Cando o home vivía, sentaban os dous na porta da casa a mirar para a gente. Despóis, cando lhe morréu, sentaba soa, có delantal negro como tudo luto, e sempre sorrindo. Eu sempre a saudaba ó pasar, e paraba a miudo. Umha vez pidéume que lhe fixera umha manzanilha, porque ela nom era quem de acender o lume. Nom tinha butano.
Nos pobos de Castela, no vran, vense moitos velhos coma sinha Rosa, sentados ás portas da casa, a mirar a gente que pasa ou aos outros velhos. Pero en Galiza esta estampa é máis rara. Cecáis porque os velhos, en Galiza, sempre tenhen algo que fazer. Seguramente por iso a figura plácida de sinha Rosa tinha a beleza incongruente dum anacronismo.
Um día, a minha tía Esmeralda, que era a súa sobrinha, decidéu que sinha Rosa estaba demasiado velha para vivir soa, e levouna á súa casa. Tía Esmeralda vivía numha casa nova, moi grande e bonita, na Sapeira. Pero polo caminho da Sapeira nom pasaba ninguén. Sinha Rosa sentaba ó principio no xardín, pero pronto a encamaron. E como se erguía pola noite a mexar, puxéronlhe ums barrotes.
Ó principio, eu ía a vela de vez en cando. Contábalhe cousas da gente que vía polo pobo, i ela falábame dos seus recordos. Como nom tivera filhos, contábame cousas dos irmáns, que foran moitos. Gostábalhe falar moito de Ramón, que fora moi listo, e andivera embarcado, de maquinista. Estivera en Nova Iorque, e falaba Inglés. Umha vez levéilhe a sinha Rosa umha foto da súa casa, e máis da Caixa de aforros, que estaba enfrente. Na foto víase tamén a gente que pasaba pola rúa. Sinha Rosa forzaba a vista, e ainda que nom reconhecía a ninguén, os séus olhos iluminábanse. Alí quedaron as fotos, na mesilha de noite.
Despóis eu deixéi de ir. Podería justificarme dicindo que estaba pouco pola Ilha, que nom tinha tempo, cuestión de prioridades... pero o certo é que foi simple pereza. Cántas cousas deixamos de facer por pereza.
Nom penséi moito en sinha Rosa, e pasaron coma dous anos ata que voltéi preguntar por ela.
- Sinha Rosa? Morréu. Morréu fai dous ou tres meses.
Eu nom sentín nada. Os velhos morren -coma todos- cando um os deixa de ver.
0 comentarios