Blogia
A cova do congro

A senhora Segunda

O tema do matriarcado en Galiza precisaría umha reflexom profunda. Nom é isa a minha intençom, senóm a de contar a historia de umha familia de mulheres que, dende a minha visión de neno que desconhecía a regras de reproducçom sexuada, tinha un atractivo cáseque morboso.
A senhora Segunda tinha umha pequena mercería no baixo dum edificio de dúas plantas que posuía. Seguramente nom era tan velha, pero para mín, aquela senhora diminuta, encorvada e vestida sempre de luto com pano negro na cabeza, era o retrato da velhez. Eu ía de cando en vez á súa tenda a mercar fío, agulhas (sempre me encantóu como sona ‘agulha estrambrera’), um ganchilho... A tenda da senhora segunda, na semioscuridade do baixo sen ventás, era umha especie de almacén mágico cheo das cores das madexas de fío, as telas, e todo tipo de utensilios de costura estranhos para mín.
A senhora segunda tinha umha filha, maior tamén : Josefa. Josefa ajudaba á súa nai na tenda, e numca a vin con ningún home. Pero o caso é que, um día, na tenda, ajudando a Josefa e máis a senhora Segunda, había umha nena algo maior ca min : a filha de Josefa. Eu nom sabía (aínda hoje nom o séi) de onde saíra, pero alí estava completando aquela familia de tres geracións de mulheres.
Có tempo, a Senhora Segunda morréu, e Josefa levóu a tenda coa súa filha. Eu medréi, a tenda deixóu de vender e pechóu, e eu fun sabendo a historia da familia da senhora Segunda : de cómo o seu home morrera, que tinha outro filho en Venezuela, que Josefa tinha um home que por um problema (de saúde ou mental, nom sei) só saía da casa polas noites... son cousas que, sem preguntar, um acaba oíndo. Despóis, eu já ía pouco pola Ilha e perdín o rastro desta gente que se deixava ver pouco. Pero cando, fai já anos, vin á filha de Josefa cumha nena pequena da man, nom perguntéi se casara : nunca lhe vira um mozo i eu savía que nesa familia nom eram necesarios.
Agora levo anos vendo medrar a esa nena. Debe ter catorce ou quince. E estou a esperar o momento en que a vexa pola rúa, coma algo natural, da man da quinta geraçom de senhoras segunda.

0 comentarios