Blogia
A cova do congro

O tamanho das cousas

Dicía Bernardo Soares citando a Alberto Caeiro que um é do tamanho do que vê, e nom do tamanho da súa altura. Por iso, digo eu, numha cidade grande a gente é cada día máis pequena, porque perde completamente a perspectiva do mundo, e fica conocendo apenas umha mínima parte del. Num povo um pode ver fenómenos tan cotidiáns como a saída do sol, o crecimento da herba, o paso das estaçoms, o reparto das mercancías nos mercados, o trabalho dos funcionarios do concelho, a vida na taberna do garda civil, é dicir, um conxunto que ten sentido. Todo está relacionado e pódese entender. Pola contra, numha cidade, um apenas ve fragmentos de vida : os policías sempre están de uniforme, os funcionarios sempre están no seu gabinete, o sol sempre está alto no céu. Así, um ve um conjunto de retales sen sentido, e nom pode aspirar a enterder a orde subjacente. Acaba um converténdose num anano, num ser que nom aspira a entender, numha peça máis dum mecanismo absurdo.
Por iso, cando faço um alto, decido faltar ó meu trabalho pola tarde para subir á serra a ver umha posta de sol, noto que a minha altura crece, síntome de novo umha pessoa, parte dum mundo que posso entender. Ontem fugimos o Julio, o Cabañas e máis eu para a Serra Norte. Paramos no porto de Navafría. Tiramos monte arriba ata chegar ó cabo de dúas hora ó Pico Nevero, que é en realidade umha altiplanicie. Alí, cada úm foi polo seu lado, coma posuido por necesidades propias. Ninguén dixo nada. Eu sentéi enriba dumha bosta seca, a mirar a incrible tonalidade que o céu ía tomando. Era coma um arcoiris plano, que ocupaba o horizonte de oriente a ponente. Apreciamos juntos o minuto final en que o sol perde intensidade e úm pode miralo de fronte, bermelho, desaparecer. Ó pouco, coma um miragre, aparece, no lado contrario, outro sol, có mesmo tamanho, coa mesma intensidade, có mesmo bermelho. A lúa chea. Falamos de astronomía porque Julio é físico, e porque a poesía nom ten nada que anhadir a um momento así. Voltamos alumeados pola lúa, ajudándonos da linterna antre os pinos.
Cheguéi a casa pesando medio kilo menos, e medindo medio metro máis.

0 comentarios