Blogia
A cova do congro

Presas

   Fai moito, moito tempo, as tartarugas eran completamente distintas a como som agora : nom tinhan caparaçom e tinhan sempre moitísima presa. Eran, de feito, os animáis máis rápidos da criaçom. Elas nom sabían porqué, pero ían sempre correndo a todas partes. E, así como chegabam a um sítio, saían correndo cara um outro lugar. Tanta e tanta presa tinhan, que na súa carreira remataban chocando contra das árbores, as pedras, e outras tartarugas e animáis cós que se cruzaban. E a vezes facíanse realmente dano.

   Por iso um día, as tartarugas convocaron umha reunión de urgencia. Foron todas depresa ó claro do bosque (chocando no caminho com todas as árbores), e buscaron umha soluçom ao seu problema (umha soluçom rápida, porque tinhan moita presa). O caso é que, por unanimidade, decidiron pedirlhe á Nai Natureza que lhes dese algún tipo de protecóm contra os choques. Como todo o mundo sabe, a Nai Natureza durme nos nacimentos dos ríos, así que mandaron á máis veloz de todas as tartarugas a recorrer o río ata chegar á súa fonte. Cando a tartaruga chegóu, espertóu a Nai Natureza e expúsolhe a petiçom das tartarugas. E a Nai Natureza, que sempre é comprensiva com todas as criaturas, escoitóu o problema e accedéu á solicitude.

   Ao espertar o seguinte día, as tartarugas descobriron sorprendidas que tinhan todas um duro caparaçom que as protegía dos golpes. Deseguido botaron todas a correr encantadas, chocando coma sempre, pero satisfeitas porque nom sentíam a dor.  Estabam felices.

   Pero ao cabo dalgum tempo, as tartarugas déronse conta de que o caparaçom nom lhes permitía sentir algumhas cousas que antes lhes gostabam moito : os abraços, as caricias, incluso as cóxegas. Pouco a pouco, o malestar foi crecendo antre as tartarugas, ata que de novo deron en reunirse todas no claro do bosque. Aquelo do caparaçom já nom lhes chistaba nada. Así que acordaron enviar outra vez á tartaruga máis rápida a pedirlhe á Nai Natureza que lhes quitase o caparaçom, e lhes devolvese de novo a pel sensível que antes tinhan. A Nai Natureza escoitóu a queixa da tartaruga, e contestóu así :

   - Probes tartarugas. Sempre correndo e sempre com presa. Nom sodes felices com caparaçom coma tampouco antes o érades sem el. Só hai algo que podo fazer por vos : quitaréivos o caparaçom... pero só cando aprendades de novo o ritmo propio das cousas, cando saibades apreciar o sabor do mundo, o valor de tempo, cando vaiades tan despacio que voltedes a apreciar no seu as cousas e as criaturas que puxen junto com vos no mundo. Ata que nom consigades isto, nom vos quitaréi o caparaçom.

   E, dende entón, as tartarugas arrastran o caparaçom moi, moi despacio, tomándose o seu tempo para todo, sem presa, saboreando cada minuto que caminhan, despacio, moi despacio, na esperanza de que um día, a Nai Natureza, lhes quite ese caparaçom e poidan voltar a sentir as carícias, os bicos e as cóxegas.

0 comentarios